PR-G 157 – ROTEIRO AUGAS MESTAS – DOADE

PR-G 157 – ROTEIRO AUGAS MESTAS – DOADE

Mapa PR-G 157

Atopámonos no territorio da D.O. vitivinícola Ribeira Sacra, na bisbarra de Terra de Lemos, para percorrer un dos sendeiros máis espectaculares pero tamén máis longos e esixentes de Galicia.

Os seus 27 km, os desniveis e as gradas requiren unha boa condición física, sen esquecer a planificación do percorrido, do avituallamento, dos horarios e do transporte de regreso.

O percorrido é lineal. Iniciamos a ruta en Doade en dirección este pola estrada que vai a Francos. A ruta deixa o asfalto pola dereita para encamiñarse ata a Ermida de San Mauro no miradoiro da Pena do Castelo. Unhas impresionantes vistas que son dignas de fotografar.

Logo iníciase un tramo de certa dificultade pola ladeira escarpada do Castelo, mentres a ruta segue cara ó leste. Logo xira cara o norte para evitar un val de forte pendente. Prosegue o camiño ata pasar baixo unha liña de alta tensión, momento no que a senda xira ó noroeste polos montes de Ceceda, seguindo o lindeiro entre Sober e Monforte. Entramos, case furtivamente, no concello monfortino para pasar pola aldea dos Palleiros. Logo pasaremos polo Colado (tamén de Monforte) ata volver á illa territorial de Sober correspondente ás aldeas de Lampaza e Vilar de Mouros.

A ruta ten agora un dos tramos máis abruptos, co descenso ata as aldeas abandonadas de Froxende e Barxa, que logo serán rematados por unha interminable subida ata Vilachá. Dende aquí, pasando xunto un curioso pozo de augas con tecnoloxía fotovoltaica, chegaremos preto das adegas milenarias de Vilachá. A ruta xira en dirección sur e comeza un lene descenso por Trasmonte, que pouco a pouco gaña verticalidade e descende cara ó sil no lugar abandonado do Fuluxento e que finaliza por un camiño labrado na rocha que remata en Parada.


SITUACIÓN
Concellos de Sober, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón e Quiroga (Lugo)


LONXITUDE/DURACIÓN
27 km / 11 horas.


ACCESOS
Dende Monforte de Lemos pola estrada cara a Castro Caldelas, na aldea de Doade atopamos un dos extremos desta ruta lineal.
Dende Monforte de Lemos chégase a Parada pola estrada N-120 en dirección a Quiroga. No km 24,3, no Lugar de Parada, sitúase un extremo do sendeiro ao borde da estrada.


PUNTO PARTIDA/CHEGADA
Punto de partida: Doade (Concello de Sober).
Punto de chegada: Lugar de Parada (Concello de Quiroga).


PERCORRIDO/PUNTOS DE INTERESE
Lugar de Parada, Lugar do Fuluxento, Fervenza de Trasmonte, Lugar de Trasmonte, Lugar de Vilachá, Lugar de Barxa, Lugar de Froxende, Lugar de Vilar de Mouros, Muíño de López, Fonte de San Xermude, Miradoiro da Pena do Castelo, Souto de Valguire, Doade.


DIFICULTADE
Moi alta.


SERVIZOS
En Monforte de Lemos.


SINALIZACIÓN
Sinalización segundo a normativa de homologación da FGM e da FEDME. Existen varios paneis de información e moitas frechas. Marcas de pintura realizadas en 2011. Limpeza do traxecto en 2011.


RECOMENDACIÓNS
Atención: a ruta non é practicable en bicicleta nin a cabalo.


ANO HOMOLOGACIÓN
2011


MAÍS INFORMACIÓN
Oficina de turismo de Monforte de Lemos
Tel.: 982 404 715
turismo@concellodemonforte.com
https://monfortedelemos.es/turismo/

Concello de Sober
Tel.: 982 460 001 / 982 460 005
https://www.concellodesober.com/

Concello de Quiroga
Tel.: 982 428 001
www.concellodequiroga.com


DATOS DESCARGA LIBRE