PR-G 135 – ROTEIRO DA ESCUADRA

PR-G 135 – ROTEIRO DA ESCUADRA

PR-G 135
PR-G 135

O monte da Escuadra, pertencente á Serra do Cando, é o territorio deste percorrido de media montaña. Teremos paisaxes con bidueiros e piñeirais, así como extensións grandes de zonas de pasto para o gando.

O percorrido é lineal, e se non levamos dous vehículos, o mellor é saír do Peso, facer o percorrido e regresar novamente. Será o dobre de percorrido pero é máis operativo. Se temos dous vehículos, poderemos achegarmos ata a Área recreativa de Santa Mariña e facer o percorrido en descenso.

Saíndo do Peso, por camiños antigos de carro iremos collendo altura. É moi habitual ver gando vacún e cabalar na zona.

Na metade de camiño da ruta atopamos o Miradoiro das Tres Rías que, nos días de bo tempo, permite contemplar unha espectacular panorámica na que se poden chegar a albiscar as tres rías da provincia de Pontevedra.

Despois de rematar a ruta na Área recreativa de Santa Mariña, recoméndase visitar a pequena capela que leva o seu mesmo nome e que sobrevive entre os muíños de vento do parque eólico da Serra do Cando. Se queremos ampliar o percorrido podemos achegarnos ata A Mira ou Santa Mariña, o cumio da serra con punto xeodésico e unha altitude de 994 metros.


SITUACIÓN
Escuadra – A Lama (Pontevedra)


LONXITUDE/DURACIÓN
7’1 km / 2 horas e 45 minutos (ascendendo).


ACCESOS
Dende a Lama seguir a PO-241 ata Antas e baixar pola PO-235 cara ó río Verdugo. Continuar pola CP-0306 en dirección ó Peso. Nunha curva pechada hai un desvío para o camposanto e para Escuadra. Xirar á esquerda e en 350 metros está o panel de inicio da ruta.


PUNTO PARTIDA/CHEGADA
Punto de partida: O Peso.
Punto de chegada: Área recreativa de Santa Mariña.


PERCORRIDO/PUNTOS DE INTERESE
O Peso – Escuadra, Camiño tradicional do Coto de Mateus, Portela dos Acibos, Portela do Foxo, Miradoiro das Tres Rías – Bico de Poza do Coto, Chan da Ferradura, Cabeza do Río, Área Recreativa e Capela de Santa Mariña.


DIFICULTADE
Media-Alta.


SERVIZOS
Na Lama.


SINALIZACIÓN
Sinalización segundo a normativa de homologación da FGM e da FEDME. Existen varios paneis de información e frechas. Marcas de pintura realizadas en 2010.


RECOMENDACIÓNS
Revisar en Wikiloc as visitas máis recentes para coñecer a súa situación de mantemento.


ANO HOMOLOGACIÓN
2010


MÁIS INFORMACIÓN
Concello da Lama.
Tel.: 986 768 238
oficinas@concellodalama.com
https://concellodalama.com/turismo/natureza-rutas-senderismo/


DATOS DESCARGA LIBRE

Nota: Agradecemos ó público usuario a colaboración na localización de posibles erros e/ou omisións. Remita o seu correo dende aquí