Concello de Teo.
Ruta «Per Caminho de Lampai»
Camiño tradicional que, partindo da capela de Santa Ana (Agrela), bordea a fonte da Grela (datada no 1868) e discorre fundamentalmente paralelo ao Rego do Tarrío. Permite coñecer a historia medieval de Teo.
O nome da ruta extraémolo dun verso dunha cantiga de amor do trobador compostelán Joán Airas, onde amosa a súa desesperanza pola marcha da muller amada cara Portugal, por un camiño medieval que atravesaba o Concello de Teo de norte a sur, subindo cara a Lampai en dirección a Padrón.
O trazado principal discorre a carón dun bosque de ribeira onde se atopan varios muíños e chega ao Marco Porto de Lampai, un bloque granítico con escritos medievais gravados datado no 1156 que na actualidade marca o linde entre Teo e Padrón.
A ruta conta cunha variante que sube ao Miradoiro da Pena da Agrela, teito natural do Concello de Teo con 410 m.s.n.m. con impresionantes vistas, especialmente á desembocadura do Ulla e ría de Arousa (existe no cumio un panel panorámico interpretativo).
Tendes máis datos neste enlace:
https://segatur.es/sendeiros/coruna/prg256/