Hoxe presentamos unha senda marcada en 2013, moi dura, pero indubidablemente fermosa.
O percorrido permítenos coñecer a Ribeira Sacra seguindo a conca do río Miño dende San Estevo de Ribas de Minho (O Saviñao) ata o lugar de Cima de Atán (Pantón).
Apreciaremos paisaxes que nos deixarán sen palabras, aldeas solitarias como Bexán, A Pena, Millarada ou Marce rodeados de viñedos da D.O. Ribeira Sacra e soutos de castiñeiros centenarios. Os templos románicos de San Estevo de Ribas de Minho, San Paio de Diomondi e San Martiño da Cova, así como as ermidas e castelos encherán este espazo de contido histórico e artístico.